A imprenta-editorial Moret foi fundada na cidade da Coruña por Manuel Rodríguez Moret, quen traballou desde moi novo no sector das artes gráficas até establecerse en 1923 no seu primeiro local, onde comezou a desenvolver o traballo de impresor.
Na primeira etapa saen das prensas de Moret libros como o Catálogo da terceira exposición de Arte Gallego, unha edición de Ruínas de Rosalía de Castro (que, por problemas coa familia, non chegou ás librarías) ou o Vocabulario castellano-galego de las Irmandades da Fala.
A creación da Colección de Escritores Galegos, onde se publican: La vocación de Adrián Silva, de Ramón Otero Pedrayo (1949), Una cabaña en el cielo, de Xosé Mª Álvarez Blázquez (1952) e Biografía de Curros Enríquez, de Celso Emilio Ferreiro (1954), evidencia o seu compromiso coa cultura galega, que se aprecia tamén na reedición de obras xa esgotadas (como o Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego, Leandro Carré, 1972) ou da edición de libros no noso idioma (son 9 os libros que aparecen no catálogo anterior a 1975, un deles, por exemplo, A frauta i-o garamelo, de Antón Avilés de Taramancos, 1959). Esta proposta tivo escasa aceptación e economicamente non se puido soster, polo que a empresa se centrou sobre todo no traballo como imprenta, aínda que nunca deixou de editar (para alén das numerosas autoedicións).
A súa localización física foi mudando ao longo do tempo. Desde o primeiro emprazamento, na Avda. da Mariña nº 28, pasou catro ou cinco anos despois á rúa Galera nº 48, onde chegou a ter 25 empregados. Anos máis tarde, en 1968, e xa baixo a dirección de fillo do fundador, Robustiano, Moret trasládase para Marqués de Amboaxe, nº 16.
Finalmente a imprenta comeza a ir mal economicamente e, no 79, o que daquela era o seu responsábel, Manuel Rodríguez-Moret (neto do fundador e traballador da empresa desde 1959), propúxolle a Isaac Díaz Pardo formar parte do Grupo do Castro, co que xa traballaban desde había tempo (Moret ocupouse da impresión de case todos os libros de Ediciós do Castro desde a súa creación). No ano 1980 trasládanse para o Castro os empregados e boa parte das máquinas, e a empresa pasa a denominarse Gráficas do Castro/Moret.