Tanco naceu en Ourense en 1952 da man de Carlos Vázquez, profesor de francés na Escola de Maxisterio e militante comunista. Nun primeiro momento foi unha imprenta, Gráficas Tanco (nome en homenaxe ao impresor Vasco Díaz Tanco), situada na rúa do Paseo, mais a vontade sempre foi a de converter o negocio nunha libraría.
Naquela altura, eran moi poucas as librarías que en Ourense estivesen especializadas en literatura de actualidade, política e cultural. Carlos Vázquez tomou contacto con distintas editoras latinoamericanas que publicaban libros prohibidos polo franquismo, converténdose nun dos poucos libreiros que tiña material clandestino, e formou unha clientela con inquietudes políticas. Moitas persoas viaxaban a Ourense desde outros puntos da Galiza para conseguiren os libros de Ruedo Ibérico, da editorial Losada de Arxentina, textos marxistas, libros dos exiliados, novelas censuradas, publicacións do Partido Comunista... que se vendían no “inferniño”, a parte posterior da libraría, onde só accedía xente de confianza.
Publicou tamén libros en castelán e en galego, como a reedición da Gramática gallega de Saco y Arce, Non, de Antón Tovar (socio da libraría) ou Grabados, con obras de Picasso, Seoane e Arturo Baltar Santos.
Pouco despois da morte de Carlos Vázquez, en 1972, o taller de impresión pechou, porque esixía unha forte inversión para modernizar a maquinaria. Tanco pasou a ser xestionada pola familia Vázquez xunto con catro empregados: Manuel Bugallo, Pilar Viso, Ramón Martínez e Antón Tovar. Anos despois, en 1997, a libraría trasladouse á rúa Cardeal Quevedo xa a cargo dos antigos empregados, que formaron unha das primeiras Sociedades Limitadas Laborais para mercar os fondos e o nome da libraría aos propietarios.