La Voz de la Verdad foi o título do xornal “católico e antiliberal” que, desde 1910 a 1937, se editou en Lugo. Co mesmo nome, funcionou como imprenta e libraría vinculada ao Bispado, con actividade tamén como editora. En concreto, durante o período 1939-1975, editou sesenta e seis libros, dos cales oito están escritos, total ou parcialmente, en lingua galega.
Ao igual que acontece nos casos doutras imprentas que desenvolveron tamén labores editoriais, no seu catálogo son numerosos os exemplos de edicións feitas polos propios autores ou autoras (cinco dos oito títulos editados en galego, vinte e seis dos cincuenta e seis en español), mesmo nalgún caso onde figura como editora a propia imprenta.
Por outra parte, para alén dos libros en que La Voz de la Verdad aparece como editora e como imprenta, noutros figura apenas como imprenta, sendo a obra responsabilidade, ben doutra editora (como, por exemplo, Celta), ben doutras institucións, como o Mosteiro de Samos, a Deputación ou o Museo Provincial de Lugo.