Logotipo

Edicións Castrelos

En 1963 comeza o proxecto editorial de Castrelos, coa intención explícita de revitalizar o libro en galego e convertelo nun negocio editorial normalizado. Xosé María Álvarez Blázquez organizou o seu catálogo a partir de dúas coleccións troncais: “O Moucho” e “Pombal”.

«O Moucho», colección publicitada baixo o lema «Libros do pobo pra o pobo», constituíu un fito na historia da edición en galego. Cun deseño moi orixinal e cunhas cubertas coloristas serigrafadas a cinco tintas (no obradoiro de «Serigrafía Gallega», a empresa que montara Álvaro Álvarez Blázquez), os 58 títulos daqueles libros de 48 a 64 páxinas (tiñan un prezo de trinta pesetas e unha tiraxe inicial de 3.000 exemplares) inundaron de lectura galega as librarías e as feiras populares. Só O catecismo do labrego (1967) de Valentín Lamas Carvajal, o primeiro título da editorial e libro insignia da colección, chegará ás 12 edicións en 1975.

A colección literaria «Pombal», iniciouse en 1967, coa publicación de Cantos de Nadal, Aninovo e Reis. Presentada cun formato e un deseño semellante aos libros da colección Austral, pretendía ofrecer «ao leitor galego» obras, tanto contemporáneas como outras «nacidas no pasado, que pola súa fondura, calidade ou interés xeneral merezan saír do cuasi anonimato da rareza bibriográfica».

En 1979, Castrelos foi adquirida por Galaxia, logo de ter demostrado a viabilidade dun mercado do libro galego, co criterio dunha edición de catálogo, organizada en coleccións, e cun traballo teimoso de visibilización dos seus libros e dunha novidosa rede de distribución, que deu lugar ao agromar da edición galega contemporánea.


Publications (in alphabetical order by year)