A editorial Galaxia fundouse no ano 1950 en Santiago de Compostela. Naceu como unha iniciativa de actuación cultural nas primeiras décadas do franquismo e constituíu unha referencia na reactivación da actividade intelectual na Galiza interior.
No seu organigrama participaron grandes figuras da cultura galega. As tres personalidades que orientaron a liña editorial desde o comezo foron Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro. Mais para alén diso, sucedéronse nomes importantes tanto na presidencia do Consello de Administración como na dirección editorial. Canto ao primeiro, estivo presidido por Otero Pedrayo até 1976 e despois por Domingo García-Sabell (1976-1980), Marino Dónega (1980-1986), Xaime Isla (1986-2012) e Benxamín Casal (2012-2013); na actualidade presídeo Antón Vidal Andión. Por outro lado, pódese considerar que o primeiro directo literario foi Ramón Piñeiro, até o ano 1985, cando Carlos Casares asumiu a dirección xeral da editorial até a súa morte en 2002. Foi substituído por Vïctor Freixanes até 2016, momento en que recolleu o cargo Francisco Castro.
Galaxia é unha editora independente, de capital exclusivamente galego e que non reparte beneficios entre o accionariado. Na súa órbita actúan tres fundacións: a Fundación Penzol, a Fundación Xaime Isla Couto (entre as dúas posúen o 75% do capital da editorial) e a Fundación Ramón Otero Pedrayo.
A liña editorial de Galaxia é de carácter xeral. Publicou máis de 3600 títulos desde a súa constitución, entre os que se encontran obras fundamentais da literatura galega. Ten múltiplas coleccións de literatura, ensaio, libro infantil e xuvenil, dicionarios e material didáctico, Editou tamén a Revista de Economía de Galicia (1958-1968), o Anuario de Estudos Literarios Galegos (1992-2007) e, desde 1963, ininterrompidamente, a revista Grial.