A Editorial Bibliófilos Gallegos naceu en 1949 en Santiago de Compostela arredor do Instituto Padre Sarmiento e do Seminario de Estudos Galegos. Os seus fundadores foron Francisco Sánchez Cantón e Xosé Filgueira Valverde, xunto con Felipe Cordero Carrete e Marcelino Blanco de la Peña.
Foi un dos primeiros proxectos editoriais da posguerra e tivo por obxectivo a recuperación de clásicos e a publicación de novos textos de temática variada, en galego e en castelán, que afondasen no estudo de Galiza e na difusión do mundo da literatura, das artes, da etnografía e da historia.
As súas publicacións organizáronse en tres coleccións diferentes: a Colección de los Bibliófilos Gallegos, onde se reeditaban facsimilares de obras raras e relevantes, a Biblioteca de Galicia, que daba a coñecer textos inéditos ou reimpresións de obras existentes, e a colección Obradoiro, que acollía monografías ilustradas de divulgación artística.
Despois do pulo dos primeiros anos, coa publicación de varios títulos anuais, convocatorias de premios etc., o ritmo comeza a decrecer. No ano 1992 a editorial disolve a sociedade e constitúese como fundación.
Pódese consultar máis información en:
Mato, Alfonso (2018). «Semblanza de Editorial de los Bibliófilos Gallegos (1949-1992)». En Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes - Portal Editores y Editoriales Iberoamericanos (siglos XIX-XXI) - EDI-RED: http://www.cervantesvirtual.com/obra/editorial-de-los-bibliofilos-gallegos1949-1992-semblanza-928674/