Logotipo

Sept Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos

No ano 1966 nace en Santiago de Compostela a editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) por iniciativa dun colectivo de galeguistas católicos progresistas e liberais entre os que se atopaban Xaime Isla Couto, Xosé Luís Fontenla Rodríguez, Xerardo Fernández Albor, Agustín Sixto Seco, Manuel Beiras García, Camilo Nogueira Román e Domingo Fernández del Riego, entre outros.

O seu principal obxectivo era a edición e difusión de libros, revistas e outras publicacións de carácter relixioso, cultural, social, político e económico, nun intento de atenuar a separación existente entre a Igrexa galega e a problemática social do país e, aliás, potenciar a normalización do galego no ámbito relixioso, seguindo a apertura ás linguas vernáculas na liturxia que se fai no Concilio Vaticano II.

Nos seus anos de historia editou máis de 80 títulos, organizados en varias coleccións: As Edicións do Adro, que recolle materiais para as liturxias, textos sagrados, encíclicas etc.; Xeira Nova, sobre teoloxía e pensamento cristián; Testemuños, onde se publican conversas con personalidades destacadas da sociedade galega; O Home e a Sociedade, que edita títulos sobre problemas económicos, políticos, xurídicos, ambientais.. de Galiza desde unha óptica cristiá, e Cadernos Populares, para a divulgación de textos sobre temáticas e figuras galegas de relevancia. 


Publications (in alphabetical order by year)