Logotipo

Ediciós do Castro

Ediciós do Castro fundouse no ano 1963, da man de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Naceu como parte dos obxectivos do Laboratorio de Formas para contribuír ao estudo e divulgación da cultura galega e á recuperación da nosa memoria histórica. Tivo a súa sede no edificio do Laboratorio de Industria e Comunicación (LICSL) no Castro (Sada) até os anos 90, cando a actividade da editorial pasa a desenvolverse no Instituto Galego de Información, en Santiago de Compostela.

Nos primeiros anos e até a morte do ditador publicou máis de 70 libros, a maioría centrados nas actividades do propio Laboratorio de Formas, Sargadelos e o Museo Carlos Maside, mais tamén viron a luz obras significativas como El Toro Júbilo e O Meco, colección de gravados de Luís Seoane, ou Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.

Nos anos posteriores, e en parte grazas tamén ás facilidades que implicou a incorporación da Imprenta Moret ao grupo Sargadelos, o número de publicacións medrou até chegar aos 1450 títulos que compoñen o catálogo da editorial. Creáronse vinte coleccións diferentes, como as que correspondían a outras iniciativas do Laboratorio (os Cadernos do Laboratorio de Formas e do Seminario de Sargadelos e as publicacións do Seminario de Estudos Galegos) e as dedicadas á creación literaria, o ensaio, a arte ou a ciencia; mais foron especialmente importantes as relacionadas coa recuperación da memoria histórica, sobre todo a serie Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia e a Biblioteca del Exilio (en colaboración coa Editorial Renacimiento).


Publications (in alphabetical order by year)