Logotipo

Colección Xistral

A Colección de poesía Xistral cumpriu un papel relevante no panorama cultural galego da década de 50, como elo continuador do labor, iniciado por Benito Soto en Pontevedra, de recuperación dunha actividade editorial sistemática en galego na posguerra.

Para comprendermos a xénese e as características desta colección, cómpre ter presentes os seus antecedentes, isto é, a breve historia das Follas de poesía Xistral, o primeiro proxecto editorial do poeta Manuel María, neste caso acompañado por Manuel Antonio Sopena, que nace en Lugo en 1949. Logran editan dous números mais a experiencia vai supor un fracaso económico para os seus promotores. Pouco despois, Manuel María entra en contacto con Angel Johán para iniciar unha nova  aventura editorial na que se vai reutilizar o nome (que fora unha proposta de Luis Pimentel), aínda que agora xa reconvertida en Colección ou Cadernos de poesía, Xistral. Por mor dos problemas previos coas imprentas, nela vai figurar só o nome de Ángel Johán, aínda que as responsabilidades corrían a cargo dos dous, nomeadamente en Manuel María o control das edicións e as xestións ante imprentas e distribuidores.

Entre 1952 e 1955, editáronse seis títulos (cinco en galego e un en español), aínda que estaban previstos outros dous libros, un de Manuel María e outro de Mariano S. Luque. Os cinco primeiros foron publicados na Imprenta Palacios e o derradeiro en Gráficas Bao.

O propio Manuel María relatou nalgunha entrevista como a única axuda que tiveron para financiar este proxecto editorial foi a fornecida pola peña do Méndez Núñez: “Pimentel, Ricardo López Pardo e algúns outros puxeron 250 pesetas cada un. Sacouse o primeiro libro […]. Co que se xuntaba sacábase o seguinte volume. Se non chegaba, facíase outra suscrición no café. E funcionaba así” (Caño 1990: 48).


Obras publicadas (ordenación cronolóxica, alfabética dentro do mesmo ano)