Esta colección nace en Ferrol, vinculada á revista de poesía Aturuxo, cuxo primeiro número saíra en 1952. Dirixida por Tomás Barros e Miguel Carlos Vidal, na Colección Aturuxo vanse publicar cinco libros de poesía (financiados e xestionados por cada autor), dos cales só o primeiro, A realidade esencial de Eduardo Moreiras (1955), está en galego.
Para alén diso, iniciouse tamén unha Colección Aturuxo de Teatro Experimental, onde só se publicou o volume: Panteón Familiar (Guiñol humano en cuatro cuadros, un prólogo y un epílogo) de Tomás Barros en 1956, aínda que na capa figura 1957.