Logotipo

Edicións Monterrey

Xosé María Álvarez Blázquez e o seu socio, Luis Viñas Cortegoso, co que fundara dous anos antes a «Almoneda Monterrei» -a libraría de vello situada no número catorce da viguesa rúa de Pi e Margall (entón General Aranda)-, crean en 1950 Edicións Monterrei. Nesta editorial bilingüe, con clara vocación bibliófila, editáronse algúns dos libros máis coidados que se teñen feito en Galicia no século pasado, como Teatro venatorio y coquinario gallego (1958) de José María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro ou como os da colección «Beatus Jacobus», edicións numeradas impresas en papeis de calidade e maquetadas con xenio e fasquía clásicas (El buho gallego con las demás aves de España, Vida y viajes literarios de Fray Martín Sarmiento e Santo da barba dourada). Xosé Mª Álvarez Blázquez abriu en Monterrei, ademais, dúas coleccións en lingua galega: «Leixado do vento» e «Frol e froito». Na primeira publicou ao longo da década dos cincuenta dez títulos, en edicións de trescentos exemplares en papel verxurado, algunhas ilustradas e mesmo empregando a cor. Na segunda, iniciada en 1953 cun libro de Ben-Cho-Shey, Andrómenas. Contos para o pobo, coa intención de constituír unha fiestra aberta aos novos valores literarios, recuperar textos clásicos e popularizar a divulgación da literatura galega, anticipou o nacemento do que logo se chamaría «Nova Narrativa Galega» coa publicación dos dous primeiros libros de Gonzalo R. Mourullo, Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956). En 1960, coa publicación de La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo (co cuberta serigrafada no obradoiro da Serigrafía Gallega de Álvaro Álvarez Blázquez) remata a aventura editorial de Monterrei.


Obras publicadas (ordenación cronolóxica, alfabética dentro do mesmo ano)