Entrevista al director de la Imprenta Moret.
Queríamos empezar coa historia da imprenta-editorial Moret, porque o fundador foi o teu avó?
Meu avó, si: Manuel Rodríguez Moret; era fillo dun militar destinado aquí, na Coruña, como comandante xefe do Castelo de San Antón, que era unha prisión militar. E alí viviron a familia, Rodríguez Moret -ou Rodríguez Baladrón porque era Baladrón, o meu bisavó-, vinte anos. Entón, o meu avó naceu en San Cibrao das Viñas, na provincia de Ourense, pero ao vir destinado o pai para A Coruña, xa de neno, xa viviu na Coruña.
E foi o primeiro que empezou?
Non, el aínda era un rapaz, pola súa conta, colleu e empezou a buscar “chollo”, e atopou un traballo como aprendiz na imprenta de Puga, que era un impresor moi famoso, gran impresor, e alí estivo de aprendiz. Cando o seu pai se enterou de que non ía á escola nin nada, colleuno e volveuno mandar ao colexio. Entón, el volveu insistir, volveu á imprenta de Puga, outra vez, despois a imprenta Puga comprouna Leandro Carré.
A imprenta de Puga mercouna Carré?
Leandro Carré Aldao, que era, ademais, o da Cova Céltica. Alí reuníase toda a intelectualidade granada local e de Galicia. E alí, pois en fin, el era o principal animador. E entón, aos 15 anos meu avó pasouse da imprenta de Carré ao diario El Noroeste. Alí estivo 20 anos, entrou, pois, de aprendiz -era espabilado, un home intelixente, ou un neno intelixente, porque entrou con 15 anos no periódico e chegou a ser xefe de redacción e administrador-. Pero foi pouco tempo, un ano, porque ao ano xa se estableceu na Avenida da Mariña, nº28, alí empezou e quitou o primeiro impreso en formato de libro que foi o Catálogo da terceira Exposición de Arte Gallego, no ano 1923. A continuación, no mesmo ano, quita Comentarios da terceira exposición de Arte Gallego, despois, no 28 sae das prensas de Moret, de meu avó, un libro moi interesante, Ruínas, unha novela curta de Rosalía de Castro, que por problemas coa familia, non chegou ás librerías. Despois, outro libro para min moi interesante que é o Vocabulario castellano-galego das Irmandades da Fala, no ano 1933. E despois, o meu avó creou a Colección de Escritores Galegos para promocionar a todos os escritores, en fin, de Galicia e inclusive reimprimir algunha impresión que xa estivese esgotada, en fin, outras cousas..., pero desgraciadamente isto tivo pouca aceptación e economicamente non se puido soster. E despois, claro, quedou como imprenta.
Acórdaste de en que ano deixou de editar?
Home, editar, editar sempre editou algo, por exemplo tes os libros de Yordi, que teño aquí un listado deles... Hai un moi importante, que é a Biografía de Curros Enríquez, de Celso Emilio Ferreiro, bueno, importante para min. Pero despois de Rodríguez Yordi aínda no 54 aínda editou, Cristal y sonrisa, por exemplo, Haz y ensayos... Inclusive libros de texto para a editorial bolivariana que se enviaban a Caracas (Venezuela).
Era unha imprenta que facía ben o libro, que se preocupaba moito da calidade do libro... Logo, tiña linotipias que eran o ordenador do século XVIII, e claro, non se dedicaban as imprentas ao libro... dedicábanse á papelería máis ben. Paro o libro tiñan que ter unha serie de máquinas un pouco de tamaño grande, linotipias, se non... antes había o que lle chamaban linieros, que eran como as galiñas collendo nas caixas as letras, chamábanlles linieros, o meu avó chegou a ter 21 linieros, ou sexa, homes que nada máis que levantaban texto até que comprou as linotipias que son as que están no Castro. Despois, tamén editou moito a Isaac, practicamente o cen por cen.