Logotipo

Xosé Neira Vilas

Setembro 2013. Gres - Vila de Cruces

Entrevista ao escritor Xosé Neira Vilas.

Primeiras publicacións en Galicia

Transcrición

P. As túas primeiras publicacións en Galicia foron Xente no Rodicio (1965) e Camiño Bretemoso (1967), ámbalas dúas en Galaxia. Como xurdiu a posibilidade de publicar con esta editorial, Galaxia, cando estabas fóra?

R. Eu coñecera a Paco del Riego, xerente de Galaxia, no ano 54 cando fora a Bos Aires invitado polo Centro Galego. Aínda que isto non tivo relación directa, ademais eu representaba a Galaxia en Bos Aires, en “Follas Novas” recibiamos todos os libros de Galaxia en boas cantidades. Mesmo os suscritores que Galaxia tiña en Bos Aires, que pagaran 1.000 ptas cada un como accionistas, eu lles mandaba todos os libros e eu non lles cobraba. Había un montón de suscritores, entón eu con Paco –eu tiña correspondencia con Paco, de feito acaba de saír un libro, precisamente en Galaxia, Cartas e lembranzas: Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1959-200 onde falamos de todo iso-. Entón eu saneeille as contas a Galaxia: funlle a cobrar a todos os que debían suscrición  de tantos libros e todos pagaron inmediatamente.

Eu tiña unha relación con Paco del Riego moi especial... En 1964, estaba eu de vacacións nunha praia de Guanabo, en Cuba, e escribinlle a Paco para proporlle de publicar en Galaxia unha colección de libros para nenos, pois se de nenos non lían en galego, de grandes xa non ían ler tampouco. Hai varias cartas falando diso. Mesmo lle propuxen os intereses por idades, pois había un profesor manchego en Cuba que sabía moito disto –Anisia traballaba con el na Editorial Juvenil- e eu falara moito con el diso. Tiña moita relación con Paco... E un día Paco díxome que todo o que mandaban de libros eran paquetes e paquetes para os suscritores, e parecía que estaban violando unha lei, e pediume que lle dixera se pensaba que aumentarían os pedidos de libros, pois nese caso terían que inscribirse como exportadores. Alí díxenlle: “Pois non che podo dicir nada porque eu marcho para Cuba, eu deixo Bos Aires”.  Así a publicación dese libro – Xente no Rodicio - en Galaxia no 65... eu tería ofrecido ese libro a Galaxia igual, aínda que non tivera esa relación con Paco, e seguramente mo publicaban, porque está na colección Illa Nova, que era para escritores principiantes.

Pero, mandeillo a Paco, díxome que era moi bo, pero que era moi breve para un libro –tiña 16 contos-; eu nos primeiros anos en Cuba non tiña tempo para escribir, e tardei un ano en facer 4 contiños máis, e logo mandeillo para que mo prologase el. Fíxome un prólogo precioso –que transcribo nun apéndice neste libro que veño de publicar de correspondencia con el-, un prólogo moi definitorio do que era o conto para min. El non menciona aos autores latinoamericanos, pero é que para min o conto é un xénero que, en Europa, os que escriben contos –Camilo J. Cela, Delibes e outros autores-, pero os contos que fan os autores europeos son novelas recortadas, non son contos no sentido latinoamericano. Eu falaba desto con Cortázar na Habana: “Escribimos novela, porque en Europa non lle dan importancia aos contos, subestiman isto como xénero...”, pero a Cortázar o que lle gustaba era o conto. En América Latina hai un momento no que non hai editoriais, pero hai revistas literarias, e o que colaboraba nas revistas tiña que axustarse a unha extensión determinada, tiña que manter o interese do lector. Así en Brasil, en Cuba, en Arxentina, en Uruguay, en parte en México. Eu teño escrito cousas sobre esta situación. Así os libros meus de contos están baseados nesta experiencia, nesta aprendizaxe dos contistas latinoamericanos.

Máis desta entrevista: