Logotipo

Xosé Neira Vilas

Septiembre 2013. Gres - Vila de Cruces

Entrevista al escritor Xosé Neira Vilas.

Corte 3

Transcripción

P.  Que diferenzas atopabas entre as editoriais galegas, entre unhas e outras? Entre O Castro e Celta de Lugo, ou Monterrey...?

R. A editorial Celta de Lugo, era unha editorialiña non con hábito de editor, publicaban algunha cousa, pegada, non cosida. Era unha cousa máis de afeccionados. Era unha imprenta, e publicaban algún libro, pero eran edicións moi precarias. Ediciós do Castro foi crecendo, e foi mellorando moito, moito, ao longo dos anos. Galaxia tiña aquela colección onde eu publiquei os meus primeiros traballos: A muller de ferro, Camiño bretemoso e o primeiro de todos, Xente no rodicio, que estaban naquela colección para xente que empezaba, pero eran edicións moi elementais, coas follas sen guillotinar. Iso entraba no ritmo dos tempos e os medios de impresión. Melloraban pouco a pouco a calidade do papel... Publicaban como mellor podían.

P. E como autor, cal desas editoriais tiña máis en conta a opinión do autor?

R. Non sei, pois o que máis era Isaac, porque sempre me dicía: “O que ti queiras, o que ti dispoñas”.

P. Pero en Galaxia, por exemplo, opinabas sobre a edición, daba a corrixir as probas?

R. Pois non nos daba moita ocasión a editorial... tiña unha liña de traballo e seguía esa liña. Pero é que Ediciós do Castro era unha editorial moi “sui generis”, moi especial, moi aberta. Publicaban libros que tiñan moi pouca saída, pero Isaac dicía que o importante era que os libros estiveran aí, que a xente poida investigar mañá. Por exemplo, para a colección Documentos, un libro que falara dos mortos na guerra civil en tal concello, non era un libro de gran difusión, pero para Isaac iso non importaba, o importante era que o libro estaba aí: "O día de mañá haberá que investigar e aí está esa colección".

P. Pensas que tiña máis concepto empresarial Galaxia que o Castro?

R. Si, claro, porque o Castro estaba apoiado por Sargadelos, tiña outros recursos, outro respaldo, mentres que Galaxia tiña que valerse dos propios medios.
 

Más de esta entrevista: