Entrevista al escritor Xosé Neira Vilas.
P. E ti cando escribes, na mente que tipo de lector tes? Para quen escribes?
R. Figúrate, este Aquel neno que publiquei, leva un prólogo que di “que todo home leva un neno dentro, e toda muller leva unha nena dentro, e cando esquecemos que levamos ese neno dentro, facemos toladas”. As guerras armáronse todas no século pasado porque o home esqueceu que levaba un neno dentro. Este libro, esta memoria de 70 anos atrás, non é algo persoal, senón sería un xesto de vaidade miña, e a quen llo conto? Cóntollo a quen viviron aquela época para que recorden, cóntollos aos de agora para que saiban como se vivía antes. Claro, eu penso en quen vai ser o destinatario de cada libro. Despois... ti non podes saber.
P. Ti non tes un receptor ideal para cada libro?
R. Non. Dicíame na Habana Alejo Carpentier que o escritor é algo así como o director de circo, que sae á pista e di: “Señoras e señores, a función vai empezar”. De alí pra adiante, o autor non é nada; o lector é o que determina o que pasa co libro. Eu nunca pensei que Memorias dun neno labrego, que escribín nun café de Bos Aires, nunhas cantas tardes durante 3 meses, eu pensaba no mundo galego de Bos Aires, nin sequera pensaba que se publicara aquí. Logo empezou a publicarse, empezou a reeditarse, e eu non son consciente deso. Nunca pensei que 50 anos despois ese libro ía seguir léndose moito e que ía eu estar vivo para contar o conto. Isto non o podía eu imaxinar... o autor nunca sabe. Pero si interésame o lector moito, non penso nun lector concreto, cando escribo, pero penso: “Isto pode interesar”. Iso si, hai unha premisa que eu manteño sempre: o escritor, sobre todo o galego, debe tratar de facer idioma. Miña avoa dicía que “vale máis escondido que mal aparecido”: se non dominas ben o galego, non escribas en galego, porque hai incluso escritores con talento, pero que o idioma non o dominan, porque de pequenos non falaron galego. Eu si, porque dende que nacín é o idioma que teño, pero algúns autores bos, escriben con sintaxe castelán, non con sintaxe galega. O escritor galego debe facer idioma, non soamente contar unha historia. Unha historia pódese contar en castelán. E non é ese o fin. O fin é facer idioma. Por exemplo, Memorias dun neno labrego, que é unha narración feita por un rapaz, moi simple, moi elemental, segundo un traballo que acaba de publicar un profesor da Escola de Idiomas de Vigo (acaba de me enviar a separata de Cadernos da Lingua), contén 356 palabras propias só do Val de Ulla. E hai unha lingüista arxentina que está de profesora en Alicante que está facendo o mesmo con Esperando o leiteiro, que ten un léxico moito máis rico en frases e vocabulario que Memorias.