Entrevista a Xesús Alonso Montero
Como de produciu o seu achegamento ao mundo do libro e da edición?
Eu fun estudante vocacional de filoloxía, concretamente de filoloxía románica, así que estaban dadas as condicións para que un se inscribise no universo do amor ao libro, da bibliofilia; de feito, o meu contacto co libro non só como autor, como prologuista, senón como editor e iniciador ou inventor de coleccións, prodúcese fundamentalmente en Lugo. Eu chego a Lugo no curso 60-61, e estiven alí 16 anos, do 60 ao 76, e alí teño a sorte de conectar ben coa xente da Editorial Celta, que era tamén libraría e imprenta. A Editorial Celta publicaba libros moi diversos: libros técnicos sobre o automóvil, reeditaban moito Las supersticiones de Galicia, de Jesús Rodríguez López, que eu cheguei a prologar (nunha edición chegou a levar 5 prólogos!). Este foi o libro do espectro cultural que máis vendeu a Editorial Celta, ese e tamén unha antoloxía que fixen eu no 69: Os cen mellores poemas na lingua galega, do que saíron como mínimo 5 edicións.
Eu cheguei a eles porque tiñan os libros de texto que eu aconsellaba para o instituto, e atopei que alí había unha canteira para min. Recordo estar co linotipista, para ver como compoñían o prólogo que lle puxen á primeira reedición que se fixo de Retrincos de Castelao, que se fixo aí, en Editorial Celta, e que tivo varias reedicións. Aquí publicamos cousas de Castelao que non se publicaran noutras partes, como a conferencia da Habana, Galicia y Valle-Inclán.
Algúns rapaces que foran alumnos meus, que máis que na vía marxista, estaban na vía do catolicismo progresista, publicaron tamén aquí a edición tetralingüe da Declaración Universal dos Dereitos Humáns.
Eu alí descubrín ese mundo, así que eu fixen aquí, en Celta, o que non fixera antes: o contacto coa imprenta, coa lipotipia, E o feito de que a libraría onde eu aconsellaba mercar os libros de texto, era ademais libraría e imprenta, e dábase a circunstancia de que as persoas que dirixían aquelo simpatizaron conmigo.
En Editorial Celta había un director?
Non, a Editorial Celta non tiña director. Tiña un propietario: D. Francisco Esteban, e os fillos un pouquiño maiores ca min, sobre todo Paulino, era quen levaba a editorial. E de pronto chego eu, e propoño a Castelao, unha antoloxía de poesía, outras cousas… e aí, dito dunha maneira que habería que matizar, o director era eu, ou Manuel María, que viña de Monforte e aí publicaba libros seus… É dicir, é unha Editorial Celta que existe como tal, que ten o seu propietario, e que eu supoño que na lexislación da época non se esixe un elenco no que haxa un director e uns asesores... Funcionaba así, que é como funcionaba a edición en Galicia nese momento (Galaxia é outra cousa, claro).