Entrevista a Xesús Alonso Montero
Había mozos nos 50? Eu, por exemplo, que son catedrático xa no 56, pero eu vou á mesa camilla de Piñeiro dende o 51: nas vacacións, cando veño de Madrid, en Semana Santa e no Nadal, a cear frugalmente e a falar. No libro de Franco Grande, Os anos escuros, cóntase isto ben: el debeu empezar a estudiar no 54, como Beiras, como Mourullo, un pouco despois Ferrín e Ramón Lorenzo. Que pensan de Galaxia? Daquela todos pensaban ben de Galaxia. A crítica a Galaxia nace desde que algúns destes mozos descobren o marxismo. Claro, a Galaxia non lle gustou que os mozos descubriran o marxismo, porque eles non o eran, pero claro, era un dereito que tiñan. Estou simplificando un pouco, pero isto é fundamental porque a crítica contra Galaxia, ademais da que vén de fóra, por exemplo do Consello de Galiza (na medida en que Penzol e Piñeiro, cando están na clandestinidade, son críticos co Consello de Galiza e con Castelao, evidentemente, aquela xente ten unha postura que non é moi pro Galaxia ). Simultaneamente,en Buenos Aires hai un grupo de xente marxista ou promarxista: Lorenzo Varela, Antonio Baltar, Luís Seoane, mesmo Rafael Dieste en certo modo. Comprenden que Galaxia están dentro do esquema da censura de Franco, pero entenden que Galaxia podía facer algo máis do que fai, e aí está o episodio de cando vén Antonio Baltar e o tratan como o tratan.
Pero iso é fóra. Dentro, Mourullo (antes da súa escisión persoal con Piñeiro), Franco Grande, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Beiras e outros... eran de Galaxia, pois perciben que despois do 36 os únicos que están a facer algo é Galaxia, e eles están de acordo con esa idea e ademais Galaxia inventou para eles a colección “Illa Nova” (que algúns comicamente chamaban "Illa Couto"), onde vai publicar Ferrín, Franco Grande... Non son críticos. Cando empezan a ser críticos? Cando descrobren o marxismo, Ferrín sobre todo, cando está en Madrid, en Brais Pinto, cando está próximo a fundar a UPG, son críticos porque pensan que non ser marxista é un pecado (facer cultura nunha lingua marxinada e nun país desenvolvido desde categorías non marxistas realmente é un pecado) e eu nisto tamén estou de acordo con eles. Neste grupo de Ferrín, logo aí estará Cribeiro... No fondo, tiveron moita forza, pois aínda existe por aí unha lenda antigalaxiana que tivo moito éxito, e que fala dos culturalistas. Pero eu penso: “podíase facer algo máis que iso que se chama culturalismo no ano 51?” Podíase facer algo máis que publicar As covas do rei Cintolo, de Cortezón ou Antífona da cantiga, de Cabanillas?" Pouco máis se podía facer, aínda que foran marxistas os directores de Galaxia.