Logotipo

Xesús Alonso Montero

19 de decembro de 2013 - 12 de febreiro de 2014. Real Academia Galega

Entrevista a Xesús Alonso Montero

Sobre a actividade do Círculo das Artes de Lugo

Transcription

No Círculo das Artes, onde estabamos Epifanio Ramos e máis eu, era clave Ramón Varela, o presidente. Viña do galeguismo do 36. Fíxose abogado (tiña un bufete de certa importancia) e nun momento dado os socios puxérono de presidente do Círculo. No 57 quere organizar un ciclo de conferencias de intelectuais galegos no Círculo das Artes, aquelo, no 57, parecía como falar do Premio Nobel! e eu comprometín unha conferencia sobre Antonio Machado porque sempre fun moi machadiano. Logo aquelo non se fixo, pero eu tiven moita relación con el porque tamén era dos da peña do Méndez. No 63 eu dixen que era o centenario de Cantares Gallegos, e ademais xa funcionaba o feito de Rosalía ser homenaxeada o 17 de maio pola Academia Galega por iniciativa de del Riego. E decidimos facer con este motivo unha exposición.

Fixemos un programa de man para os visitantes da exposición no 1963 (aquí o teño), co título das seccións e coas actividades. No Círculo aceptaron facer isto e estaba o Círculo cheo. Fixemos a exposición (vitrinas, paneis, fotos, libros) Epifanio e máis eu e axudáronnos moito a miña muller (Emilia Pimentel), profesora de literatura, e Ermesinda Ansedes, tamén profesora de literatura e muller de Epifanio Ramos.

Epifanio, que era moi rimbombante, fundou unha cousa que se chamaba “Instituto de Estudios: Sección de Publicacións” e había que ver... alí ía saír un Cancioneiro Popular meu que ao final publicoumo Álvarez Blázquez, na colección O Moucho, e o libro Antonio Machado na nosa voz, no 66, un librazo, moi revirado contra o goberno porque eu fago un prólogo e escollo uns textos en prosa e poemas de socialistas e comunistas como Jesús López Pacheco traducidos ao galego.

Related items