Logotipo

Xesús Alonso Montero

19 de decembro de 2013 - 12 de febreiro de 2014. Real Academia Galega

Entrevista a Xesús Alonso Montero

Cartonaxes ANMI

Transcription

Pensade que en Lugo, publica cousas moi importantes Cartonajes Anmi, sobre quen habería que escribir unha monografía!  Sobre Cartonajes Anmi e unha peza bibliográfica moi curiosa, Platero e máis eu, hai un artigo no último número de Madrygal. O dono de Cartonajes Anmi, Ángel Gómez Camarón, era un mestre socialista, que non exercía, e para vivir puxo unha especie de imprenta para facer etiquetas para bandexas, caixas para empanadas… e necesitaba unha imprenta para facer algunhas cousas. Esto é Cartonajes Anmi. Pero Ángel Gómez Camarón ía á tertulia do Méndez Núñez, e alí tomabamos café arredor de 30 persoas antifranquistas: Emilio Gil, Amable Veiga, Ramón Varela (o director do Círculo das Artes, que foi outra fábrica de libros), Epifanio Ramos (catedrático de francés do Instituto Masculino)… chamábanlle por iso os falanxistas a peña dos “roxos”.

Entón Gómez Camarón propuxo facer algo alí, e eu publiquei aí Cantigas populares sociales (59 galegas e nove negras), que inclúe cantigas dos escravos negros americanos, traducidas por min ao galego, publiquei Dous contos, cinco “cousas” e máis un dibuxo inédito, de Castelao, e a publicación máis importante que eu fixen alí: Platero e máis eu, do ano 66. É unha publicación cunha portada Saturno Lois, que era profesor de dibuxo no instituto, un burriño, e logo hai as follas dun calendario.

Hai tamén unhas follas preliminares facendo propaganda de Cartonajes Anmi, e logo antes de entrar en Platero, puxemos cousas de Castelao sobre o burro, e logo vén o calendario, con 20 ou 25 capítulos de Platero traducidos por escritores galegos: Otero Pedrayo, Cabanillas, Fermín Bouza-Brey, Ferrín, eu, Mª Xosé Queizán, Antía Cal… chegou un momento que tiñamos máis capítulos que as doce follas ten o calendario, e metemos varios capítulos nun. O calendario estaba ilustrado por Laxeiro, Colmeiro, Seoane, Pérez Bellas, Mercedes Ruibal. Era un alarde!  É unha publicación moi importante cun texto de Ánxel Fole escrito ad hoc sobre Juan Ramón Jiménez e nós. Tamén incluímos os 2 poemas de Rosalía que traduciu Juan Ramón ao castelán… Metimos de todo nesta publicación, que é extraordinaria, e que coordinei eu coa colaboración de Epifanio Ramos de Castro.

Related items