Logotipo

Xesús Alonso Montero

19 de decembro de 2013 - 12 de febreiro de 2014. Real Academia Galega

Entrevista a Xesús Alonso Montero

Mundo Editorial en Lugo

Transcription

E que nos pode dicir de Xistral?

Foi unha revistiña e logo publicou libros, poucos. Iso quen o dirixía, Ánxel Joán, que foi unha figura fundamental no mundo literario, editorial e plástico. Foi el, estando nas Canarias, o 18 de xullo do 36, quen comunicou ao goberno de Madrid, o goberno legal e lexítimo, que Franco estaba alí, facendo algo raro, nas Canarias. Este telegrama chegaron a coñecelo os franquistas, foi algo grave e bo foi que non o fusilaron. Pero estivo na cadea arredor de 7 anos. E alí escribiu moito: contos, obras de teatro para os fillos... Era unha persoa estupenda que nunca recuperou o traballo. Veuse ao saír da cadea para Lugo e lograron metelo de profesor no Colexio Fingoi. Isto é moi importante, porque foi el o que creou Xistral, unha revista que só publicou dous numeriños e algúns libros (un deles de Manuel María). Isto foi anterior a que eu chegara a Lugo, no 60.

Alvarellos, (o pai de Henrique Alvarellos, que tamén é editor), era un tipo polifacético: tiña unha academia de ensino sobre todo de mecanografía, era músico, dirixía unha coral... e empeza publicando libros da profesión: tratados para escribir a máquina e cousas deste tipo..., pero logo, entroulle o verme da cultura e empezou a publicar libros (físicamente reprobables, nun papel malo...), libros baratos.

A verdade é que é un gran centro editorial Lugo entre o 60 e o setenta e tantos, e funciona como funciona: Celta é como é,  Cartonajes Anmi, Alvarellos, e agora vén o Círculo das Artes...

Cal sería a súa visión sobre panorama cultural en Lugo nesas décadas, nos anos que van do 60 ao 70?

É un capítulo da bibliografía galega con características que non se dan noutra cidade, porque si facemos agora o inventario completo de todo o que se publicou nos obradoiros que acabamos de mencionar, nos que non hai detrás nin grupos políticos nin grupos culturais como o que goberna Galaxia... entón a miña valoración é que este capítulo merecía unha pequena monografía, na que se vira que, non sendo os propietarios desas entidades persoas nin siquera demasiado comprometidas coa cultura ou comprometidas daquela maneira como o de Cartonajes Anmi, ao final os resultados son os que son.

Related items