Logotipo

Xesús Alonso Montero

19 de decembro de 2013 - 12 de febreiro de 2014. Real Academia Galega

Entrevista a Xesús Alonso Montero

Gráficas Lumen

Transcripción

En Vigo estaban as Gráficas Numen (en Velázquez Moreno). Foi propiedade de Juan Noya, que fora concelleiro na Guarda no 36 polo Partido Galeguista; cando estala a guerra e as cousas póñense mal e el foxe, vai agacharse no monte, non na guerrilla. Vai relatar esta experiencia nun libro que publicará en Caracas prologado por Celso Emilio Ferreiro, Fuxidos (que está en castelán), e logo publicouno traducido Xerais cun prólogo meu. Eu trateino moito. O libro publicouno en Caracas porque emigrara alí nos corenta cun fillo. Nesta imprenta, como era de xente antifranquista, ás veces imprimíanse libros clandestinos. Por exemplo, Voz y voto, de C.E. Ferreiro, que é do 54-55 (el mesmo ten dito que escribiu este libro en galego, pero que logo... o traduce ao castelán). Neste libro, no que aparece como lugar de edición Montevideo, e colección “Papel de estraza”; o de Montevideo non é certo: fíxose na imprenta de don Juan Noya, en Gráficas Numen, feito en papel de estraza. Logo continuou ate hai pouco coa imprenta o neto de Juan Noya que se chama Octavio, logo do fillo. Aí fixéronse máis cousas. No 77, o Día das Letras Galegas dedicouse a  Antón Vilar Ponte, e entón no Partido Comunista de Galicia, que non tiña sona de galeguista, decidimos facer un folleto de 35 páxinas, que compilei e prologuei eu, sobre Antón Vilar Ponte, con textos varios, e fixémolo alí (daquela estaba xa levando a imprenta o fillo, Luís Noya), en Numen, sen pé de imprenta nin nada. Isto aparece na miña bibliografía. Titúlase As Irmandades da Fala, Vigo, e puxemos como editorial “A voz do pobo”, que era o nome do periódico do Partido Comunista, e puxemos o nome aí, pero imprimímolo alí, en Gráficas Numen.

Más de esta entrevista: