Logotipo

Henrique Alvarellos

5 de outubro de 2014. A Coruña

Entrevista a Henrique Alvarellos

Prehistoria da editorial Alvarellos (1966-1977)

Transcrición

Meu pai fundou xunto a miña nai unha academia en Lugo, a Academia Alvarellos, en maio do 63. Tardaría 3 anos aínda en xurdir nel a ansia de editar, de imprimir e editar. No 66 el edita o primeiro libro como Academia Alvarellos e aí pesan neste xiro 2 antecedentes familiares: un tío de meu pai, José Iglesias Presa, era propietario e editor da revista Vida Gallega, pois lle comprara os dereitos a Jaime Solá (que en Vigo dirixira Vida Gallega dende 1909 ate o 37, houbo o parón da guerra, e no ano 47 a viuva de Solá vendeulle os dereitos ao tío-avó meu, Iglesias Presa, e el editou e dirixiu a revista dende o 54 ate o 63, en que acabou en mans de Faro de Vigo e de Cunqueiro, como último director. Ao primeiro a revista editábase en Vigo, e logo en Lugo, naqueles anos, ate o 63, en que deixou a revista meu tío-avó.

O apelido de meu pai, o topónimo, vén da comarca do Deza, de Lalín, onde traballa unha histórica imprenta, que tamén é librería, Alvarellos, que son primos terceiros de meu pai. A isto hai que engadir que meu pai casou cunha mestra, miña nai, no 61, e dous anos despois abriron a academia en Lugo, e no ano 66, el escribiu un método de mecanografía, así a editorial naceu como unha especie de voceiro docente do que se estaba facendo na Academia.  A Academia Alvarellos, estaba na praza Comandante Manso, nº1, a carón de Mosqueira. Alí estivo a Academia dende o ano 63 ata o ano 2000, e alí tamén estivo a editorial e a reprografía e imprenta. No ano 66, meu pai escribe o libro Mecanografía en dous meses: un manual pedagóxico para ensinar mecanografía, taquigrafía e estenotipia. Ese manual que xurdiu como unha especie de método de apoio, tivo moitísimo éxito, e no 68, recoñeceuse como método oficial para todo o estado para aprender a escribir a máquina. Ese foi o best-seller da editorial cando aínda non era editorial, e tivo varias edicións, primeiro como Academia Alvarellos e impreso nas históricas Gráficas Bao, e logo, unha 2ª edición nunha editorial vallisoletana especializada en temas de secretariado, e, xa no 77, cando meu pai abriu a editorial, fixo unha 3ª edición, baixo o selo de Alvarellos Editora.

A idea de ter unha editorial, o meu pai lévaa no miolo moitos anos antes de maio do 77 en que recibiu o permiso do goberno para tela (do ministro Pío Cabanillas). Dende finais dos 60 el xa estaba coa idea de activar unha editorial. Así, os 15-20 volumes que saíron nese intervalo ate o 77 (2-3 ao ano), aparecían editados polo propio autor. O que si se facía era confecionalos en Reprografía Alvarellos, e nos créditos dos libros así aparece. O que se editou antes do 77, basicamente, eran as propostas que ían chegando, sobre todo en castelán, pero houbo 3 ou 4 títulos en galego. Logo, a partir do 77, houbo unha eclosión e aparece un catálogo xa pensado e firme con varias ducias de títulos en 4 ou 5 anos.