Logotipo

Cartonaxes ANMI

ANMI non era unha editorial, nin mesmo unha imprenta senón unha pequena empresa que se dedicaba á elaboración de bandexas, caixas ou outros tipos de envoltorios que se utilizaban, tanto para a alimentación, como para roupa. O seu dono era o mestre socialista Ángel Gómez Camarón, habitual na tertulia do café Méndez Núñez.

Desde unha óptica actual, a intervención desta empresa no panorama cultural lucense daqueles anos resulta certamente salientábel. De feito, só baixo a óptica dun certo compromiso se pode interpretar que esta empresa acordase subvencionar o premio de teatro Castelao no 1965 e que, a partir de 1966, iniciase a edición de libros en galego, uns en formato almanaque ou calendario, outros como pequenos volumes, mais sempre como edicións non venais.

O eixo do calendario de 1966 é a tradución galega de 15 capítulos de Platero y yo (a cargo dunha relevante nómina de colaboradores e colaboradoras, tanto na tradución como na ilustracións. Para alén disto, cómpre subliñar o valor simbólico das efemérides que aparecen resaltadas no calendario, produto dunha escolla, obviamente, moi intencionada. Nese ano, publica tamén un volume colectivo de Homenaxe a  Otero Pedrayo, coordenado por Arcadio López-Casanova, e dous libros de creación de poetas mozos, mais xa cunha relevante traxectoria, un de Manuel María e outro de López-Casanova.

A vontade de ofrecer como agasallo un produto cultural de calidade, variado (tanto desde o punto de vista xenérico, como desde o formal) e, ao tempo, a carga ideolóxica e didáctica subxacente nesta iniciativa de ANMI, evidéncianse no libriño de 60 páxinas (bilingüe) que edita en 1970, Dous contos, cinco “cousas” e mais un dibuxo inédito, “para contribuír a un mellor coñecemento de Castelao”, con limiar e tradución dos relatos de X. Alonso Montero.