Entrevista ao escritor Xosé Neira Vilas.
P. Por que en 1968 publicas en Ediciós do Castro a 2ª edición de Memorias dun neno labrego, publicada orixinariamente en Bos Aires (Editorial Follas Novas, 1961) Como xorde a publicación desta obra no Castro e non en Galaxia?
R. É curiosa a pregunta, pero hai unha razón. Escríbeme un día Alonso Montero que había un rapaz, ex-alumno del no Instituto de Lugo, Arturo Reguera, que ía crear unha editorial, Rúa Nova, e quería iniciar a súa andaina editorial con Memorias. Eu díxenlle que si, pero que me gustaría que levara ilustracións de Isaac Díaz Pardo. Escribinlle a Isaac, e non só fixo os debuxos senón que lle regalou os tacos –daquela era a impresión doutra maneira- a Arturo. Pero Rúa Nova non naceu, non publicou, e entón pensei: xa que Isaac fixo estes debuxos, que o publique Isaac. Díxome Freixanes nunha ocasión que Ediciós do Castro nacera para publicar unhas monografías de arte, como as de El ceramista Arranz, Emiliano Barral, El toro Júbilo de Seoane..., pero despois de publicar Memorias, como tivo éxito, decidiu publicar outras coleccións, publicar literatura e outras cousas a partir disto. Segundo Freixanes, Memorias fixo cambiar o rumbo de Ediciós do Castro. Efectivamente, eu teño cartas de Isaac onde dicía: “Vou crear unha editorialiña, vou publicar algunhas monografías”. Parece que ese era o seu rumbo, unha “editorialiña”, como dicía Isaac, dedicada a algunhas monografías de arte –eu mandeille dende Cuba datos sobre Emiliano Barral, pois o fillo vivía alí, fora compañeiro do Che...- e cousas desas, e de pronto cambiou o rumbo e creou un montón de coleccións, sendo unha das máis importantes editoriais en canto a volume e coleccións. Parece ser que a edición de Memorias foi con éxito, publicáronse moitas edicións, unha tódolos anos, case tódolos anos, e algunhas de 10.000 exemplares, que aquí non había edicións de 10.000 exemplares...
E esta foi a razón de publicar en Ediciós do Castro, porque había unha relación xa con Isaac..., aínda que eu, hoxe mesmo, traballo con varias editoriais.