Ediciones Celta, creada en Lugo como imprenta en 1938 por Francisco Esteban, quen tamén tivo librería, comezou a editar en 1939, co título El correo de los enamorados, de Adela Díaz González. Intercalaba publicacións literarias varias -entre as que habería que destacar un auténtico best-seller da época: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, de Xesús Rodríguez López (5 edicións) ou varios poemarios de Manuel María-, con publicacións técnicas, como os manuais de tráfico e os textos de diferentes leis e decretos do estado, que son os que axudarían a manter unha actividade editorial que chega aos 144 títulos no período 1939-1975.
Aínda que xa publicara varios títulos en galego na década dos 50 (Contos en cuarto crecente, Terra Chá, e Documentos persoaes de Manuel Maria, Ducia e pique de fábulas, ou Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía de Carvalho Calero), tivo unha importante actividade editorial en lingua galega nas décadas de 1960 e 1970 promovida pola presenza na cidade da muralla de Xesús Alonso Montero, daquela profesor do instituto masculino. No catálogo de editorial Celta hai títulos moi destacados. En 1962 publicou a segunda edición de Retrincos de Castelao, con gravados de Maside, e as Prosas recuperadas de Castelao en 1974. Os cen mellores poemas da lingua galega de Xesús Alonso Montero, publicados en 1969, obtiveron unha boa acollida de público (5 edicións). Outrosí sucedeu co poemario infantil de Manuel María Os soños na gaiola, publicado en 1968 por Cartonaxes Anmi e reeditado por Celta en 1972 e despois en tres ocasións máis. Itinerario galego (Viaxe dun arxentino polas terras, polas xentes e pola cultura de Galicia) de Víctor Luis Molinari, traducido por Xosé Neira Vilas e Arturo Reguera, con deseño nas tapas de Isaac Díaz Pardo foi outro título moi logrado dos publicados en 1970.