Entrevista a Xesús Alonso Montero
Piñeiro era o ideólogo e incluso o estratego. Nesto simplificamos. Del Riego era o traballador, e non estou no pensamento de Fole (“o mecanógrafo da cultura galega”), é o organizador, é o que pon disciplina e rigor e isto non todo o mundo... isto non sabería facelo Piñeiro. E logo, García-Sabell, que non xoga ningún papel: o día que Piñeiro o ficha para a causa de Galaxia e do galeguismo en Galaxia, el non ten que facer nada, só lucir o seu palmito e dicir “eu estou con esta xente”. Porque García-Sabell, no 49 e no 50, antes de coñecer a Piñeiro e de fundarse Galaxia, tiña un predicamento en Santiago extraordinario: de home moi culto, de gran médico, de gran clínico, tiña ese nimbo de perseguido, de persoa que por non ser franquista non ten unha cátedra na Universidade..., e un bo día toma café con Piñeiro, e García-Sabell percibe en Piñeiro un ser humano extraordinario (e eu creo que era un ser humano extraordinario, con limitacións mais extraordinario), tan abnegado, tan entregado a unha causa como el (sen Piñeiro non habería literatura galega agora, non estaríamos agora falando aquí, estaría pechada a Academia)..., entón García-Sabell, que era un home moi intelixente e sensible, dixo "eu vou onde el vaia", e ofreceulle ao galeguismo de Galaxia (non hai outro) aquela elegancia, aquel predicamento de home culto e que sabía alemán, de home que se relacionaba con Laín, con Américo Castro, con Zubiri... O galeguismo non é unha cousa de corozas, nin dos chistes de Fole. Ofrece ao galeguismo unha dimensión insospeitable naquel momento..., e ademais é “rico”: pode invitar a xantar a 10 ou 12, ten unha sala na súa cas na que poden falar vinte rapaces, etc, e non todo o mundo ten unha casa así. O propio Piñeiro vivía nunha casa que lle deixara García-Sabell.