Esta web presenta o resultado dos traballos realizados ao abeiro de dous proxectos de investigación complementares: “La producción editorial en Galicia durante la etapa franquista (1939-1975)” (FFI2010-16924) e “Produción e mercado editorial en Galiza durante a etapa franquista: a súa incidencia na industria editorial actual” (10SEC104017PR). Estes proxectos dirixidos por Carme Fernández Pérez-Sanjulián desenvolvéronse no Grupo de Investigación Lingüística e Literaria (ILLA) da Universidade da Coruña.
O obxectivo fundamental deste proxecto foi elaborar un catálogo, todo o exhaustivo posíbel, da produción editorial galega do período 1939-1975, para poder introducilo nunha base de datos e deseñar unha ferramenta de procura que permitise, tanto ao público xeral como ao especializado, acceder á produción editorial desta etapa, máis ampla do que en principio se podería pensar, para a súa posterior análise. Así, esta web ofrece un buscador para a realización flexíbel de procuras que facilitan o cruzamento de datos. Incorpórase, así mesmo, un manual de uso do devandito buscador.
Esta ferramenta permite, por tanto, extraer datos de interese para as tarefas de caracterización e análise das diferentes iniciativas editoriais que se desenvolveron na Galicia no período franquista, ao tempo que contribúe a un mellor e máis preciso coñecemento do panorama editorial desta etapa.
Proceso de elaboración
Para crear a base de datos, nunha primeira fase, e tras un proceso de procura, confronto, eliminación de redundancias e unificación, recompiláronse os fondos procedentes das bibliotecas nodais galegas, aos que se engadiron rexistros procedentes da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela e da Biblioteca Nacional de Madrid. Tras comprobarmos na base de datos resultante a ausencia dalgunhas obras, iniciamos unha segunda fase: a creación de novos rexistros de títulos a partir da consulta de diversas bibliotecas, arquivos e catálogos.
Somos conscientes de que as bibliotecas non conservan toda a produción editorial de 1939 a 1975, sobre todo aquela anterior á obrigatoriedade do Depósito Legal e, en especial, a que corresponde á “edición de autor”. Por todo isto, esta base de datos debe ser considerada como un recurso aínda en proceso de elaboración, que se irá completando progresivamente.